viernes, 10 de febrero de 2012

                                          Playoffs

Os Playoffs da NBA comezan a finais de abril, con oito equipos de cada conferencia clasificados. Os tres primeiros postos de cada conferencia veñen determinados polos primeiros clasificados en cada división, seguindo á súa vez o balance vitorias-derrotas. Os cinco equipos restantes están determinados polo récord de vitorias entre os equipos non gañadores de división na conferencia. Porén, o ser campión de división non garantiza te-la vantaxe de cancha nas eliminatorias dos playoffs, algo insólito nos deportes norteamericanos. A vantaxe de cancha está estritamente baseada no balance de vitorias-derrotas durante a tempada regular, sen respectar os gañadores de división.
Ter un récord máis alto ofrece varias vantaxes. Xa que o primeiro clasificado xogará contra o oitavo, o segundo contra o sétimo, o terceiro contra o sexto e o cuarto contra o quinto, ter un mellor balance normalmente quere dicir que te enfrontarás a un equipo máis feble. A franquía con mellor balance ten a vantaxe de cancha en cada serie de playoffs, incluída a primeira rolda. Isto significa que, por exemplo, se o equipo que recibe o sexto clasificado ten mellor balance que o terceiro clasificado, o sexto tería vantaxe de cancha, a pesar de que o terceiro equipo teña un posto na clasificación máis alto.
As series de playoffs seguen un formato de competición. Cada eliminatoria é ó mellor de sete partidos, avanzando de serie o primeiro que gañe catro partidos, mentres que o perdedor é eliminado dos playoffs. Na seguinte rolda, o equipo gañador xoga contra outro da súa mesma conferencia. Así, todos excepto un son eliminados dos playoffs en cada conferencia. En cada rolda agás nas finais da NBA, séguese o modelo 2-2-1-1-1, querendo dicir que o equipo que teña a vantaxe de cancha xogará na casa os partidos 1, 2, 5 e 7, mentres que o seu rival o fará nos partidos 3, 4 e 6. Xa nas finais, séguese o modelo 2-3-2, no que o equipo coa vantaxe de campo xoga na casa os partidos 1, 2, 6 e 7, e o outro equipo nos partidos 3, 4 e 5.

NBA

A NBA ou National Basketball Association é a liga profesional de baloncesto de América do Norte, aínda que se considera practicamente só estadounidense, xa que o único equipo estranxeiro, Toronto Raptors, é de Canadá. A meirande parte dos mellores xogadores do mundo xogan na NBA e, grazas a iso, é considerada, cunha gran diferenza, a mellor liga de baloncesto do mundo.

A NBA fundouse en Nova York o 6 de xuño de 1946 como a Basketball Association of America. Adoptou o nome actual en 1949, trala unión de varios clubs da desaparecida National Basketball League. O partido inaugural foi un New York Knicks - Toronto Huskies, o 1 de novembro de 1946 co Maple Leaf Gardens de Toronto como escenario. O partido foi visto por 7.090 espectadores.